11/06/2009

Enquisa do galego no ensino

Posicionamento conxunto sobre a "enquisa" sobre o galego no ensino que ven de por en marcha a Consellaría de Educación



As organizacións con presenza no ámbito da educación abaixo asinantes, ante o anuncio da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria de realizar unha consulta nos centros educativos en relación co uso do galego, queren transmitir á comunidade educativa e á sociedade galega no seu conxunto as seguintes cuestións:

1. Esta é unha consulta, deseñada á marxe da comunidade educativa, carente de rigor na metodoloxía de distribución e no procesamento de datos, e sen garantías para a intimidade das persoas e a protección de datos de carácter persoal.

2. O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade de todas as forzas políticas con representación no Parlamento Galego en 2004 (PP, PSOE e BNG), é un punto de encontro na definición dos obxectivos para o ámbito educativo. O Decreto 124/2007, de 28 de xuño, recolle este acordo do Parlamento Galego dándolle carácter normativo e a súa legalidade foi avalada por varias sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Esta norma pretende garantir unha competencia similar en galego e en castelán.

3. O obxectivo de que ao remate do ensino obrigatorio os nenos e as nenas sexan plenamente competentes nas dúas linguas oficiais non pode conseguirse con menos do 50% das materias impartidas en galego. Coa enquisa que se envía aos centros o mantemento deste equilibrio tan só se garantiría marcando a resposta “en galego” ou “todo en galego”. Esta opción non se refire á totalidade do ensino, senón ás materias que habería que impartir hoxe en galego –o 50%- xa que a enquisa non recolle a opción de que todas as materias, agás as linguas, poidan ser impartidas en galego.

CIG · CCOO · CSI-CSIF · FETE-UGT · STEG · CAE · ASPG · NOVA ESCOLA
GALEGA · ASOCIACIÓN DE DIRECTORES E DIRECTIVOS DE IES DE GALICIA ·
COORDENADORA DE EQUIPAS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA DE FERROLTERRA ·
COORDINADORA GALEGA DE EQUIPOS DE NORMALIZACIÓN E DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA ·
A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

2 comentários:

Anônimo disse...

Non entendo moi ben a que ven esta informacion no blog que se supon do comite de empresa do Hospital do Salnes, ou e que o comite tamen firmou o debandito manifesto.
Felipe coido que este non é o foro para facer politica.
Sería mais interesante saber que pensa o comite do futuro do noso hospital (e da nosa área sanitaria).
Saudos.

Felipe García Calvo disse...

A publicación de dita información responde a unha petición de solidaridade na súa difusión por parte das organizacións asinantes do manifesto.

Un saúdo