09/07/2008

Prensa 09/07/08


Diario de Arousa

O reformulo pon en marcha a ampliación do Hospital, que só derivou a Pontevedra unha decena de ingresos


S. LÓPEZ > VILAGARCÍA


Só unha decena de pacientes tiveron que ser trasladados ao CHOP por falta de camas no Hospital do Salnés.

A ampliación do Hospital do Salnés comezou onte de forma efectiva cos traballos de reformulo. Técnicos da empresa adxudicataria da obra, Alcuba, reuníronse onte con responsables do centro hospitalario de Ande e do Sergas para planificar os traballos que se acometerán na que será a primeira fase e que suporá dotar ao Hospital dunha planta máis. A construción desta precisou o peche da inmediatamente inferior, o que se produciu o 1 de xullo, aínda que foi o pasado fin de semana cando quedou desaloxada ao completo, dando luz verde ao comezo das obras. Polo momento, cúmprense as previsións en canto á derivación de ingresos ao CHOP, que por agora contabilizou unha decena.

A empresa adxudicataria das obras da primeira fase da ampliación do Hospital do Salnés, Alcuba, comezou onte os traballos co reformulo, despois de que o pasado fin de semana quedase desaloxada a segunda planta. Cúmprense os prazos achegados pola dirección do centro e polo Sergas para que a zona pechada poida retomar a súa actividade o 1 de outubro e para que a terceira planta estea finalizada antes de fin de ano. No que respecta ás derivacións de ingresos ao Complexo Hospitalario de Pontevedra, obrigados polo peche da segunda planta, polo momento tamén se cumpren as previsións das autoridades sanitarias, xa que no prazo de máis dunha semana non superaron a decena.
O CHOP e o Hospital do Salnés acordaron que os ingresos que o primeiro destes centros sanitarios podería asumir procedentes da área de referencia do segundo non superarían os trinta. Polo momento, a cifra non se alcanzou, posto que os pacientes que tiveron que ser trasladados a Pontevedra foron dez.

Desta forma, o Hospital do Salnés trata de minimizar os inconvintes que as obras de ampliación terán nos pacientes deste centro, posto que a dirección xa avanzara que asumirían todos os ingresos posibles na primeira planta.

En todo caso, en breve comezarán os traballos que levarán a causar as molestias polas que a dirección do Hospital xa pediu comprensión aos usuarios. Haberá po e ruído, pero se buscaron, segundo indicaron, todas as medidas posibles para que as molestias sexan mínimas, como é a utilización de estruturas prefabricadas.


A nova zona será para Hospitalización Polivalente, Infecciosos e Paliativos


REDACCIÓN > VILAGARCÍA

A ampliación do Hospital do Salnés comezará pola construción da primeira planta despois de que o Sergas, a dirección e os traballadores do centro acordasen a necesidade de dispor dun maior número de camas para poder atender a demanda crecente da área de referencia. Neste sentido, a construción desta zona sumará un total de 32 camas máis, que se distribuirán entre Hospitalización Polivalente, Infecciosos e Coidados Paliativos, incrementando así tamén a oferta do centro sanitario.
Na primeira destas zonas haberá doce habitacións dobres, mentres que nas outras serán individuais, ademais de contar cunha sala para acompañantes no caso da de Coidados Paliativos. Esta e a de Infecciosos separaranse da de Hospitalización Polivalente coa área de Enfermaría.

A nova planta, que deberá estar acabada antes de final de ano, completarase con despachos para que os médicos poidan informar os familiares dos pacientes, unha área que nestes momentos non existe nas instalacións do Hospital do Salnés.

Tras finalizar esta fase, comezará a segunda, na que se prevé a construción dun novo edificio para servizos como urxencias, hemodiálisis, consultas externas e área administrativa, entre outros. Finalmente, procederase a realizar a reforma interior, que afectará o bloque cirúrxico, ao obstétrico, ao Hospital de Día e a Unidade de Curta Estancia.



Hai que recordar que a empresa adxudicataria comprometeuse a executar esta primeira fase da ampliación por 1,8 millóns de euros. Ademais, a súa proposta incluía a finalización das obras nun prazo non superior a catro meses. A terceira planta que construirán dotará ao centro dun total de 32 camas máis.

Nenhum comentário: