16/11/2007

O Hospital súmase a un programa de asistencia natural ao parto



Diario de Arousa 16/11/07

O Hospital do Salnés é un dos catro centros sanitarios de Galicia escollidos por Sanidade para implantar un proxecto de asistencia natural ao parto normal. Iniciado no mes de xullo, comprende catro fases coa intención de que a muller e o bebé sexan protagonistas do proceso.

O traballo que se está desenvolvendo no centro hospitalario de Ande, así como no Hospital do Barbanza, no de Burela e no Complexo Hospitalario de Ourense, foi motivo dunha resposta ofrecida polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Julio Villar Barreiro, ao BNG, que preguntaba sobre o parto natural nos hospitais públicos e sobre a lactación materna.

Villar explicou que o proxecto que se está implantando no Salnés inclúe catro fases. A primeira consiste na sensibilización e motivación dos profesionais implicados na atención natural ao parto normal, especialmente no caso das matronas, e a segunda é de formación destes profesionais en habilidades e recursos para ofrecer este tipo de prestacións. A terceira fase consiste na reestruturación e o acondicionamento dos espazos para crear unidades de atención ao parto natural integrais, que aseguren non só intimidade, senón confort e a calidez co equipamento necesario. Desta forma préstanse os coidados á muller nunha mesma habitación durante a dilatación e, tamén, no expulsivo e o postparto inmediato. Finalmente, a cuarta fase inclúe o traballo en equipo para establecer un protocolo de actuación ou vía clínica de atención ao parto natural.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2007.- O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Julio Villar Barreiro, compareceu hoxe na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia, para respostar a unha pregunta parlamentaria do Bloque Nacionalista Galego sobre o parto natural nos hospitais públicos e a lactación materna.

O directivo da Sanidade Pública galega dixo que a Consellería de Sanidade está disposta a poñer todos os recursos necesarios para garantir que a opción de atención natural ao parto normal sexa unha realidade para todas as mulleres que así o desexen. Neste senso, Julio Villar anunciou que a Administración sanitaria galega vai asinar un convenio co Ministerio de Sanidade e Consumo, para fomentar este tipo de prestación dentro da Sanidade Pública galega, o que reflicte o compromiso desta Consellería nesta materia.

Julio Villar dixo que, ata o de agora, a atención á muller durante o parto foi moi paternalista, feito este que considera non se debe seguir perpetuando. "Agora temos diante de nós o reto para o sistema sanitario e para o seu cadro de persoal de aceptar e respectar a autonomía da usuaria". "Xa é tempo de que lle devolvamos á muller o protagonismo que merece". "Ela e o seu bebé, xunto coa persoa que ela decida, son os verdadeiros protagonistas do parto".

Este cambio na atención ao parto Julio Villar o fundamentou en catro piares: a evidencia científica, as habilidades profesionais, os cambios nas estruturas para buscar un entorno máis afable, e na mellora da información que recibe á muller para que tome as súas propias decisións. "Este é o obxecto do Plan de Atención Integral á Saúde da Muller, que as mulleres sexan as protagonistas e tomen as súas propias decisións sobre as cuestións que afectan directamente á súa saúde", concluíu Julio Villar.

Un centro piloto en cada provincia
O directivo do departamento que preside María José Rubio Vidal dixo que estase a mellorar a información que se da ás mulleres durante o embarazo para que poidan elixir a opción que mellor se adapte ás súas expectativas e á súa situación. Deste xeito, actualmente hai case que preto de cen profesionais, distribuídos en 17 grupos de traballo, que están a elaborar as guías técnicas de actuación para implantar nos catro centros piloto no primeiro trimestre de 2008.

Na actualidade, o Servizo Galego de Saúde está levando a cabo un proxecto de asistencia natural ao parto normal. Dito proxecto estase a implantar en catro centros hospitalarios públicos, un por provincia, ubicados no Hospital da Barbanza en Ribeira, do Salnés en Vilagarcía, da Costa en Burela e no Complexo Hospitalario de Ourense, coa intención logo de levar esta experiencia ao resto dos centros.

Este proxecto, iniciado no mes de xullo, comprende catro fases. Unha primeira, de sensibilización e motivación dos profesionais implicados na atención natural ao parto normal, sobre todo no caso das matronas, e unha segunda, de formación destes profesionais en habilidades e recursos para dar este tipo de prestación.

A terceira fase é a restructuración e acondicionamento dos espazos para crear unidades de atención ao parto natural integrais, que aseguren non só a intimidade, o confort, e a calidez co equipamento necesario para prestar os coidados á muller nunha mesma habitación durante a dilatación, senón, tamén, o expulsivo e o postparto inmediato. A cuarta fase, abrangue o traballo en equipo para establecer un protocolo de actuación ou vía clínica de atención ao parto natural.

Neste momento, estanse a facer estadías formativas prácticas en atención natural ao parto normal, en centros de fóra da nosa Comunidade Autónoma, por parte dos profesionais dos catro centros pilotos, durante este mes de novembro e o de decembro. Unha vez que remate este período, vaise realizar unha xornada de análise e posta en común da experiencia destes profesionais.

Xa no 2008, vanse levar a cabo cursos de formación continuada de atención ao parto normal, e continuarase coas estadías formativas, se así o demandan os profesionais.

Tamén sinalou hoxe o director xeral na Comisión 5ª do Parlamento, que a muller estará acompañada no parto pola persoa que ela desexe, posto que é un dereito dela. Por tanto, é a muller quen debe decidir se quere estar acompañada ou non.

Ademais, Julio Villar manifestou que a lactación materna debe ser iniciada na primeira hora de vida ou o antes posible, posto que é cando o bebé está no período de alerta pasiva e é máis receptivo, polo que resulta máis doado iniciar a lactación materna con éxito.

O directivo do Servizo Galego de Saúde recordou, así mesmo, que dentro do Plan de Atención Integral á Saúde da Muller estase a elaborar unha guía de atención á muller durante o embarazo, parto e puerperio. Dita guía inclúe o fomento, protección e axuda á lactación materna, segundo as directrices da OMS, UNICEF e a Asociación Española de Pediatría. Con ela se pretende garantir esta atención de forma homoxénea a todas as mulleres que desexen aleitar aos seus fillos e fillas, e inclúe información a todas as mulleres embarazadas das vantaxes da lactación materna e de todo o relacionado cos coidados da nai e do bebé lactante.

Nenhum comentário: