Santiago, 17 de agosto de 2007.- O Servizo Galego de Saúde lembra que a perspectiva que orienta as actuacións na zona norte da provincia de Pontevedra é a planificación integral dos recursos sanitarios en beneficio dos cidadáns. Por iso, co obxectivo de crear un hospital único que atenda as necesidades da poboación da área sanitaria norte da Provincia, dende finais de 2006 e durante todo o 2007 intensificáronse as reunións con representantes de todas as partes implicadas.
Nesta liña, os responsables do Servizo Galego de Saúde e do equipo encargado do proxecto expuxeron en varios encontros o anteproxecto arquitectónico do hospital único de Pontevedra. Estas presentacións enmárcanse nos principios de transparencia e participación real tanto dos profesionais como dos axentes sociais na definición das políticas sanitarias.
Con todos os avances e acordos realizados, para o Servizo Galego de Saúde resulta sorprendente que o Partido Popular propoña agora, cando tivo varias ocasión para facelo, unha actuación que estando no goberno non tivo intención de realizar. Precisamente, en maio do 2005 o anterior equipo de goberno asinou un convenio marco de cooperación entre o Servizo Galego de Saúde, a Deputación Provincial de Pontevedra, e o concello de Pontevedra para a execución das obras de ampliación do hospital de Montecelo e dotación de infraestruturas.
Para o Servizo Galego de Saúde, que está a realizar o maior esforzo posible para reducir ao máximo os tempos de tramitación administrativa para a construción do Hospital Único de Pontevedra, resulta ilóxico que se avogue agora que hai feitos por unha opción que nunca antes se defendeu. O Servizo Galego de Saúde presentou un proxecto serio e rigoroso que dará resposta ás aspiracións desta área sanitaria, e que reflicte o compromiso desde Goberno coa calidade asistencial da poboación.
O novo Hospital Único, cun investimento de ao redor 90 millóns de euros, vai prestar atención sanitaria especializada a 21 concellos da área de Pontevedra, e será referencia para outras 73.000 persoas residentes nos seis concellos do Salnés. O centro será un espazo de atención adaptado ás necesidades asistenciais dunha poboación con maior demanda de coidados e apoio a distintos niveis de dependencia. Será un hospital onde o deseño de espazos estará pensado para asumir posibles cambios futuros.
Nenhum comentário:
Postar um comentário