Prensa 31/03/08
Ramón Serantes –responsable área de Pediatría
“A ECOCARDIOGRAFÍA PRENATAL PORÁ O BROCHE A UN SERVIZO, O DE PEDIATRÍA, MOI COMPLETO E ESPECIALIZADO”
A ampliación do Hospital do Salnés suporá un notable avance para a área de Pediatría. Agora mesmo os seus profesionais comparten espazo físico con outras especialidades, o que lles dificulta continuar progresando neste camiño. Aínda así, moi pronto darán un paso fundamental: o tratamento das embarazadas con posibles cardiopatías.
¿Que é a ecocardiografía prenatal?
É a técnica para facer o seguemento das embarazadas nas que hai sospeitas de posibles cardiopatías. Estamos pendentes de recibir un ecocardio que nos permitirá, tecnicamente, levar a cabo o seguimento destas pacientes no Salnés. Deste xeito poderemos seguir ampliando os servizos que ofrecemos xa, como o protocolo da sordeira ao recén nacido que levamos aplicando dende hai tres anos. A Ecocardiografía Prenatal porá o broche a un servizo, o de Pediatría, moi completo e especializado
Outra das cuestións a ter en conta dentro desta área, é o desenvolvemento de consultas monográficas.
Si, agora mesmo temos cinco consultas monográficas. Cada facultativo se encarga dunha especialidade; eu ocúpome de cardioloxía infantil e das técnicas de ecocardiograma. Outro compañeiro está especializado en neumoloxía e aparato respiratorio e o resto en neuroloxía, nefroloxía e endocrino. Somos cinco pediatras e cada un, ademais de ver as consultas xerais, unha vez á semana se encarga das específicas da súa área. A intención é desenvolver máis consultas monográficas e máis técnicas relacionadas con subespecialidades, pero necesitamos espacio.
¿Afectoulle a este servizo o aumento de casos de pediatría rexistrado no hospital nos últimos anos?
Nos últimos anos notouse un aumento nas consultas de urxencias. Hai que pensar que atendemos entre 40 e 50. É un aumento considerable pero que está relacionado coa falla de pediatras que ten aos servizos de primaria baixo mínimos, un problema que hai que ir solucionando co tempo para restablecer a normalidade.
Un dos programas que está a ter maior repercusión nestes últimos meses é o de parto natural. ¿Afecta a súa posta en marcha ao servizo de Pediatría?
Si, temos abertas varias vías de colaboración con Xinecoloxía e traballamos tamén coas matronas na posta en marcha de todo o programa de humanización do parto, aínda que o noso papel aquí é moi limitado e circunscríbese unicamente á asistencia en casos en que sexa necesario.
Prensa 24/03/08
Manuel Seijo– coordinador área médica e xefe de Medicina Interna
“A PESARES DE SER UN HOSPITAL MODESTO, EN INVESTIGACIÓN PODEMOS PRESUMIR DE ESTAR ENTRE OS MELLORES”
Manuel Seijo é coordinador da área médica e xefe de Medicina Interna do Hospital do Salnés. Pero ademais, desenvolve un intenso traballo na área de Neuroloxía, tanto no ámbito asistencial como no investigador, no que ten varias publicacións en revisión en revistas de rango internacional e traballos que presentará o vindeiro mes de abril na Academia Americana de Neuroloxía. Agora, as principais prioridades do Dr. Seijo son potenciar a área médica, poñer en marcha unidades dentro de Medicina Interna e activar canto antes o Código Ictus para tratar as mortes por infarto cerebral.
Cos datos que ten a día de hoxe, ¿está satisfeito co funcionamento da Area Médica do Hospital do Salnés?
Os resultados son moi bos para un hospital das nosas características e as cifras así o rebelan. Este Hospital manexa a mesma complexidade de patoloxía ou enfermidade que calquera gran hospital. Medicina Interna mantén unha intensa actividade asistencial e ten unha evolución de ingresos “in crescendo”. No ano 2005 ingresaron 1.125 doentes e no 2007 foron máis de 1.600. A atención de consultas externas pasou de 651 primeiras consultas no ano 2005 a 880 en 2007, cun incremento de altas de consultas. E indicadores como a taxa de mortalidade ou de complicacións intrahospitalarias están dentro do mellor rango esperado. En canto a resultados de hospitalización as estancias medias son moi boas incluso en comparación con centros hospitalarios de rango, e medios técnicos, moi superiores. Hai que destacar un gran aumento de procesos resoltos favorablemente e derivados a atención primaria. Esta é a tendencia a seguir no futuro, de aí a importancia de estar en contacto cos profesionais de atención primaria. Debemos considerar as limitacións actuais do noso Hospital, a pesares de que resolvemos de forma óptima os procesos clínicos. Creo que podemos gabarnos de ter un bo hospital e de ter un persoal facultativo de Medicina Interna completamente entregado á súa profesión. O futuro de Medicina Interna neste Hospital pasa por consolidar a actividade actual, resolver procesos agudos de forma eficaz e rápida para evitar complicacións secundarias e crear novas unidades que redunden nunha mellor atención ao doente agudo e así poder evitar ingresos prolongados. Tamén se proxecta crear sub-unidades dentro de Medicina Interna con fines preventivos tales como o control de risco vascular. Tamén Neuroloxía, Dixestivo e Hematoloxía teñen un intenso traballo, con una gran demanda asistencial. Debemos ter en conta tamén, e isto é un factor moi importante, que o persoal de enfermería aporta un valor incalculable técnico e humano. O seu apoio nos coidados médicos inflúe nos bos resultados clínicos. Este Hospital ten a fortuna de contar con persoal de enfermería de alta calidade.
¿Que é o Código Ictus?
É a pauta urxente de actuación ante un infarto isquémico cerebral en persoas menores de 80 anos de idade. Consiste en atender de forma rápida a un doente con Ictus, aplicar medidas agudas e un tratamento moi efectivo baseado na aplicación dunha medicación intravenosa para disolver o trombo (trombolise). Hai que aplicalo nas primeiras tres horas despois do infarto para que teña a máxima efectividade. Fíxose en 2005 e 2006 no Hospital do Salnés en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e agora queremos revitalizalo. Non podemos esquecer que o infarto cerebral é, con diferenza, a primeira causa de morte en adultos en Galicia, polo que é moi importante poñelo en marcha canto antes. Estamos pechando os trámites e agardo que en breve volveremos a activalo. A activación do Código Ictus na Area do Salnés debe ser unha prioridade xa que este tratamento non só salva vidas, senón que conserva e mellora a calidade de vida do doente que sofre unha enfermidade tan devastadora e frecuente como o ictus.
Os profesionais da Neuroloxía do Salnés organizan o curso de actualización anual en Sanxenxo e publican numerosos traballos. ¿É un referente o Hospital do Salnés nesta área?
Podemos dicir que si. A pesares de ser un hospital modesto, en investigación podemos presumir de estar entre os mellores. Agora mesmo temos catro publicacións en revisión por revistas internacionais de alto impacto e varios traballos que presentarei na Academia Americana de Neuroloxía o vindeiro mes de abril. E pensa que a Academia ten un corte alto que só acepta menos do 30% por cento dos traballos que se envían. Tamén estamos traballando na organización da segunda edición do Curso de Actualización Neurolóxica que se celebrará en Sanxenxo os días 13 e 14 de xuño desde ano e no que esperamos superar os 120 asistentes da edición pasada, porque volveremos a ter conferenciantes de primeira liña. E un curso aberto a todos os neurólogos de España e outros profesionais interesados nas novidades e avances nas neurociencias.
E colaboran con outros profesionais e mesmo con outras institucións, como a Universidade de Vigo.
Colaboramos coa Universidade de Vigo para impartir cursos de doutorado, temos una colaboración co Instituto Carlos III de Madrid en proxectos de investigación sobre o envellecemento humano e tamén colaboramos con outros Centros nacionais en diversos proxectos. Tamén mantemos unha colaboración moi estreita con Atención Primaria en todo o que é Neuroloxía e tamén, aínda que estamos empezando, tivemos reunións de medicina interna. Para nós é moi importante que os médicos de atención primaria teñan unha correcta formación e que esteamos compenetrados á hora de tratar e asumir os coidados dos pacientes. Só así conseguiremos mellorar resultados e prestar una boa atención medica a poboación da Area do Salnés.
¿En que medida vai afectar o Plan Director ás necesidades de expansión de varios servizos?
Vai afectar moito posto que temos unha gran necesidade de espazo físico e así se recolle no Plan Director do centro, polo que esperamos que rematen canto antes as obras de ampliación para poder mellorar as condicións de traballo, implantar novos servizos e aumentar recursos para Neuroloxía, Endocrinoloxía, Oncoloxía e Nefroloxía-Diálese entre outras. Cremos que nun futuro próximo van xurdir moitas oportunidades e loitaremos por implantar en toda a área as consultas de alta resolución que xa se están facendo en Cardioloxía.
¿Como está funcionando o servizo de Cardioloxía?
Estamos moi satisfeitos cos resultados que se están recollendo, e tamén o están os pacientes que están sendo tratados con esta nova consulta de alta resolución. É unha medida moi cómoda para eles e para nós, evita moitos desprazamentos e pasos intermedios ao facer gran parte das probas no momento da exploración e supón un avance no servizo. Na área médica xa hai algún protocolo de actuación e resolución rápida en marcha e no futuro queremos aplicar o sistema a máis procesos da área médica.
Prensa 9/03/08
Jesús Sánchez Nebra –responsable área de Cirurxía
O doutor Sánchez Nebra leva ano e medio á fronte da área de Cirurxía do Hospital do Salnés. Neste tempo introduciu numerosos cambios no traballo diario que acometen estes profesionais, como a introducción da cirurxía laparoscópica avanzada, a cirurxía reconstructiva de mama ou a creación da Comisión da Mama. Pero se hai un concepto importante para este facultativo é o da “Cirurxía Natural”, un tratamento multimodal destinado á recuperación precoz do paciente e que supón unha auténtica revolución no campo cirúrxico.
¿Que é a Cirurxía Natural que está introducindo no Hospital do Salnés?
Trátase de implantar unha tendencia existente na cirurxía do norte de Europa que consiste nun tratamento multimodal para a recuperación precoz do paciente cirúrxico. Inclúe conceptos filosóficos e científicos e baséase en que existe unha serie de prácticas na Cirurxía que permiten unha recuperación máis rápida e mellor dos pacientes. Estamos máis acostumados a utilizar o termo “natural” no eido da Obstetricia, por exemplo. Todos sabemos a que se refire o “parto natural”. Pois é algo semellante aplicado á Cirurxía que require, basicamente, un cambio de mentalidade no cirurxán tradicional e certas variacións na praxe médica, como valorar moito a información que recibe o paciente e a familia. O obxectivo é acortar tempos de recuperación, mellorar a estancia do enfermo e lograr que este saia o máis satisfeito posible de todo o proceso. E, á vista dos primeiros resultados, creo que o estamos conseguindo.
Ademais da “Cirurxía Natural”, o servizo que coordina vostede está moi implicado con todo o referente ao cancro de mama. A vindeira semana porán en marcha unha nova técnica denominada “ganglio centinela”. ¿En que consiste?
Diversos estudos confirmaron que, no caso dun cancro de mama, hai un ganglio que pode indicar a afectación ou non do resto e evitar o vaciamento ganglionar da axila con todos os problemas que conleva. Pero para levar a cabo esta técnica, é necesario que o servizo de Cirurxía esté en colaboración cun servizo de Medicia Nuclear que administra un radiofármaco que permite despois, cunha sonda, detectar a presenza do tumor. Xa temos o protocolo e o servizo de transporte a Santiago, xa que en Pontevedra non hai departamento de Medicina Nuclear, e esta semana está previsto facer a primeira proba do ganglio centinela.
Tamén está en marcha xa o programa de diagnóstico precoz.
A técnica do ganglio centinela, a Unidade de Mama e o programa de diagnóstico precoz son xa unha realidade no Hospital do Salnés. Son tres das principais novidades que puxemos en marcha nestes últimos meses e que van cambiar significativamente a calidade asistencial deste centro e a comodidade das usuarias. Hai que pensar que agora non terán que desplazarse ata Pontevedra para facer as probas de diagnóstico precoz e, por tanto, recibirán aquí xa toda a asistencia que precisen. E a todo isto hai que sumarlle a creación dunha Comisión de Mama, na que tamén estarán os departamentos de Radioloxía e Oncoloxía e Anatomía Patolóxica, e que estudará os tratamentos e posibilidades de cada paciente afectada por un cancro de mama para ofrecerlle toda a información e as maiores garantías.
Neste campo destaca tamén a incorporación de novas técnicas de Oncoplastia.
Eu xa realizaba este tipo de intervencións, como a Cirurxía Reconstructiva da Mama, ademais varios cirurxiás do Servizo realizaron cursos e estancias hospitalarias noutros centros que realizan habitualmente técnicas oncoplásticas da mama afectada de cáncer. Este tipo de técnicas permiten restaurar a zona coa propia mama cando non se extirpa totalmente e supoñen unha gran axuda na recuperación (psicolóxica e física) da paciente.
Un dos obxectivos de Cirurxía é recuperar o maior número posible de operacións e servizos para o Hospital do Salnés. ¿Enmárcase todo isto nesa finalidade?
Efectivamente, vamos recuperando parcelas de Cirurxía que antes ían para o hospital de referencia. Queremos abarcar o maior número de cirurxías e ofrecer todos os servizos que sexa posible aos usuarios da nosa área. Por iso estamos tamén potenciando a cirurxía oncolóxica a todos os niveis. Que tanto os pacientes con cancro dixestivo, como de mama ou cirurxía xeral se poidan operar aquí. O que nos limita é o espazo físico pero a ampliación suporá ter máis quirófanos e, por tanto, máis operacións e poder intervir pacientes que precisan unidade de reanimación ou de críticos, que agora non temos.
¿Cambiará moito o traballo dos cirurxáns tras a ampliación?
Non demasiado porque nestes últimos meses estamos traballando ao ritmo de calquera gran hospital. Pero si que potenciaremos todas estas liñas de actuación e a de cirurxía laparoscópica, na que tamén avanzamos moito no último ano. Cando cheguei ao Salnés, facíase laparoscopia básica e agora temos xa en marcha un programa de laparoscopia avanzada que nos permite intervir en casos de colon, recto ou hernia de hiato cuns resultados excelentes e cunhas molestias mínimas para o paciente, que se recupera moito antes, con menor dor, menos cicatrices e unha rápida incorporación á súa vida diaria.
As cifras de lista de espera en Cirurxía no Hospital do Salnés non superan, en ningún caso, os tres meses. ¿Como se consigue este resultado a pesares de aumentar as intervencións?
Ademais das 18 operacións de media que temos programadas semanalmente para as mañás, hai un programa de tarde extraordinario que evita as listas de espera e que está funcionando moi ben. Tamén gracias ao programa de cirurxía maior ambulatoria que ven funcionando dende hai uns anos cuns resultados moi satisfactorios, tano dende o punto de vista asistencial como de satisfacción por parte do paciente e os seus familiares. Así o din os resultados: o ano pasado ningún paciente estivo máis de 3 meses en lista de espera.
Prensa 3/03/08
Emilio Cabo Silva–responsable área de Xinecoloxía e Obstetricia
“DENDE XANEIRO INCORPORAMOS O DIAGNÓSTICO PRENATAL E PRONTO FAREMOS O CRIBAXE EN SANGUE”
Esta semana o xefe de Obstetricia e Xinecoloxía do Chus, o Dr. Manuel Macía, realizou varias operacións no Hospital do Salnés convidado polo departamento que coordina o Dr. Emilio Cabo. É unha forma de intercambiar experiencias e de enriquecer a actuación dos médicos do Salnés, que dende o mes de xaneiro realizan a proba diagnóstica prenatal e que nas vindeiras semanas ofrecerán tamén a cribaxe en sangue, unha técnica que permite obter resultados semellantes aos da amniocentesis sen o risco que conleva esta técnica. Pero estas son só algunhas das novidades que está a incorporar a área xinecolóxica do Hospital do Salnés.
¿En que consiste a proba de cribaxe bioquimico en sangue materna do sindrome de Down e a quen vai destinada?
Trátase unha nova técnica que lle ofreceremos a partir dos próximos días a todas as embarazadas independentemente da idade. Ata agora se lle facía a amniocentesis ás maiores de 35 anos, pero esta proba conleva un risco de perda fetal. O cribaxe de sangue non ten ese risco porque se fai conxugando datos analíticos da nai cuns valores ecográficos, e a sensibilidade dos resultados é bastante semellante. Deste xeito, só terían que someterse á amniocentesis as mulleres que presenten algún factor de risco ou as que den positivo nese screening.
E a amniocentesis, ¿tamén se realizaría no Hospital do Salnés?
Dende xaneiro incorporamos o diagnóstico prenatal , polo que todas as mulleres da nosa área sanitaria que precisan facer unha amniocentesis xa non teñen que desprazarse ao centro de referencia de Pontevedra. Un dos obxectivos da área de Xinecoloxía é ir aumentando servizos e, anque estamos limitados por espazo ata que se faga a ampliación, xa imos traballando en certos ámbitos.
¿Que cambios suporá para este servizo a ampliación do hospital?
O maior cambio será na área obstétrica, xa que teremos dous paritorios que serán como “casas de parto”. Deste xeito completaremos o programa do parto natural que xa está en marcha coa incorporación da bañeira de dilatación e as camas especiais, e a muller poderá desfrutar dun espazo íntimo e cómodo en compañía dos seus familiares e coas vantaxas de estar nun hospital.
¿Como vai a posta en marcha do programa de humanización do parto?
Moi ben. A implicación do persoal, sobre todo das matronas, é altísima e xa se remataron os protocolos de actuación. Algunhas mulleres xa desfrutaron da bañeira e se comezan a ofrecer algúns servizos, pero é un programa complexo que require un gran cambio conceptual e hai que ir paso a paso. O importante é que xa temos unha das taxas máis baixas na realización de cesáreas e episotomías e tentaremos continuar reducíndoas, ao igual que os partos instrumentais. E a satisfacción dos pacientes nos indica que o programa está funcionando.
E en Xinecoloxía, ¿hai algunha novidade relevante?
O máis importante é que xa estamos realizando consultas de alta resolución para todas as pacientes, de xeito que nunha soa visita reciben a exploración e se lle fan todas as probas necesarias, incluída a cribaxe de cancro de cuello uterino ás mulleres que teñen entre 35 e 65 anos( mediante a determinacion por PCR del virus del papiloma humano ( HPV). Esta proba determina a existencia do virus do papiloma humano e o risco de sufrir displasia cervical. E nos casos en que se detecte, as pacientes pasarían á Unidade de Patoloxía Cervical que puxemos en marcha hai uns meses e que se encarga de facer o seguemento e tratamento destas pacientes.
¿Ata onde chegan as posibilidades deste servizo en canto a oncoloxía xinecolóxica?
Realizamos practicamente todo tipo de actuacións e ademais estamos potenciando moito, e seguiremos facéndoo ao longo deste ano, a cirurxía xinecolóxica por laparoscopia. Actualmente a maior parte das histerectomías e intervencións oncolóxicas xa son por laparoscopia e o propósito neste 2008 é incrementar as indicacións e o número de cirurxías de forma significativa. Esto permitirá mellorar moito a calidade de vida da paciente, xa que a operación é moito menos cruenta que a tradicional.
Tamén traballades no desenvolvemento da Unidade de Suelo Pélvico, ¿cal é a función deste servizo?
Trátase de atallar casos de incontinencia urinaria. Queremos ofrecer tratamentos relacionados coa rehabilitación e que poden dar resposta ás necesidades de moitas mulleres que sofren este problema, aínda que actualmente xa realizamos cirurxía ambulatoria (con anestesia local), con moi bos resultados. Esta mesma semana acudiu ao Hospital do Salnés o xefe de Obstetricia e Xinecoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, o Dr. Manuel Macía, para realizar, conxuntamente con nós, catro intervencións: unha de suelo pélvico e tres de incontinencia. É algo habitual convidar a profesionais de gran reputación para que colaboren con nós e, deste xeito, intercambiar experiencias e actualizar coñecementos. Esto, xunto coas sesións clínicas, permite que o persoal do Hospital estea ao día das novidades e técnicas que xorden na nosa área de actuación.
Prensa 26/02/08
Manuel José Vázquez Lima- coordinador área Urxencias
“DO QUE MÁIS ORGULLOSO ESTOU É DO PERSOAL QUE TRABALLA NO SERVIZO DE URXENCIAS”
Coordinador dunha das áreas máis complicadas de calquera centro sanitario, Manuel José Vázquez Lima é un dos principais defensores da especialidade de Urxencias. Asegura que é unha necesidade para os pacientes e para os profesionais, que carecen dunha formación específica e para os que o propio Vázquez Lima editou un manual que, a día de hoxe, é o libro de cabeceira de todos os médicos de Urxencias do país.
¿Confían nunha pronta implantación da especialidade de Urxencias?
Si. A promesa de crear a especialidade de Urxencias e Emerxencias ven xa de atrás, pero parece que se fará realidade proximamente. Hai colectivos aos que non lles interesa por motivos laborais, pero é evidente que, tanto para os médicos de Urxencias como para os pacientes que acuden a este servizo, é necesaria a especialidade. Así o recomenda o Grupo de Expertos e o documento Perfil do Médico de Urxencias do Ministerio de Sanidade e Consumo. E, ademais, existe na maioría dos países máis avanzados do mundo, como Inglaterra, Suecia, Bélxica, EE.UU., Canadá, Israel, ... É certo que os profesionais desta área estamos cualificados para desenvolver este traballo, pero iso é porque nós mesmos nos preocupamos por formarnos e estar ao día.
Nese sentido o Hospital do Salnés, cos plans de formación e as sesións clínicas, é un referente.
Do que máis orgulloso estou, sen dúbida algunha, é do persoal que traballa no servizo de Urxencias. Agora somos 16 médicos en Urxencias e estamos divididos en varios grupos de traballo, dende un grupo que se adica á Recuperación Cardio-Pulmonar ata un de ventilación mecánica non invasiva, pasando por triaxe, catástrofesou síndrome coronario agudo. Cada grupo se especializa na súa área, se ocupa de estar ao día nas novidades que xurdan e de formar ao resto de profesionais, e a todo o personal interesado, a través dunhas sesións clínicas que facemos cada 15 días. Deste xeito estamos preparados para facer fronte a practicamente todas as situacións que se poden presentar e conseguimos que os profesionais estén motivados e vinculados ao servizo. Hai ano e medio que puxemos en marcha este plan de actuación e está funcionando realmente ben.
¿Como contribuiu a mellorar o traballo A Guía de actuación en urgencias creada por vostede e polo Dr. Casal?
Segundo todos os médicos que a utilizan, foi unha gran axuda. E así o demostran as cifras. Vai xa pola terceira edición e pasouse de 500 exemplares a 23.000 e a incluír cd´s e pen drives con toda a información para que os profesionais poidan realizar as consultas rapida e comodamente. E anque eu e o doutor Casal coordinamos as edicións, nos contidos participan todos os médicos do Salnés, o que demostra a implicación do noso persoal. Pero, ademais do manual, no último ano nos aceptaron ata media ducia de artigos en diversas publicacións nacionais e estranxeiras (casos clínicos, estudos, ...) e seguimos investigando para mellorar o noso traballo diario. Insisto en que o persoal de Urxencias do Hospital Salnés é un exemplo de profesionalidade e un motivo de orgullo para min.
Pero o traballo deste persoal está sendo moi complicado por mor da carencia de espazo.
Efectivamente o Hospital do Salnés quedou pequeno para a área de poboación que atende, que case se achega á de hospitais como Ferrol ou Pontevedra. Hai que recordar que o Hospital da Costa, cunha poboación de referencia algo menor que a nosa, ten medio centenar de camas máis. Pero o problema da carencia de espazo non está na atención de Urxencias, que é moi boa, senón nos ingresos. Non hai camas para ingresar aos enfermos que o precisan.
A ampliación do Hospital, ¿solucionará totalmente este problema?
Si. Tanto a ampliación de camas como os novos servizos previstos, como a Unidade de Hospitalización a Domicilio que comezará a funcionar nunhas semanas e que permitirá que certos enfermos poidan seguir a convalecencia na casa. Esto, ademais de desconxestionar o centro, vai redundar nunha gran mellora da calidade de vida do paciente.
¿Como funcionará esta Unidade?
Dependerá de Urxencias e serán estes profesionais os que determinen, con criterios médicos e persoais, se o paciente pode recibir o tratamento no seu domicilio. De ser así, un equipo sanitario visitará cada día ao enfermo para subministrarlle a medicación precisa e comprobar a súa evolución ata que lle poida dar a alta. Como se estivese no hospital, pero cos beneficios e comodidades que supón para un enfermo estar na súa casa.
Outra das unidades previstas é a de Curta Estancia. ¿En que consistirá?
Trátase dunha unidade para patoloxías que poden superarse en 72 horas, como enfermos crónicos que sofren unha descompensación e que, cun tratamento adecuado, en tres días poden ser dados de alta. Un dos principais requerimentos desta unidade é a vixiancia constante e coidadosa para favorecer as altas precoces e evitar o ingreso prolongado que supón, ademais dun custe moi elevado, a ocupación innecesaria de camas.
A implantación destes novos servizos, ¿suporá un aumento no persoal?
Agora mesmo hai tres médicos de mañá, ademais do xefe de Urxencias, catro de tarde e dous de noite. Calculamos que farían falta dous profesionais máis de mañá e dous de tarde para a Unidade de Curta Estancia e para a Hospitalización a Domicilio, así como un médico máis para a noite que se ocuparía de todo o servizo.
Decía que todo isto solucionará o problema dos ingresos, pero non afectará á atención en Urxencias porque está funcionando ben. Sen embargo moitos usuarios se queixan das longas esperas para ser atendidos.
Cando un paciente espera é porque pode esperar, porque a súa doenza non é grave e hai outros pacientes que si precisan atención inmediata. Cando un paciente chega a Urxencias ao Hospital do Salnés, pasa de inmediato polo sistema de triaxe, unha clasificación dos pacientes en función da gravidade que se fai a través de preguntas e incluso dalgunha proba complementaria. Os máis graves pasan primeiro e van a un box vital onde reciben toda a atención precisa. Os menos graves, que en moitos casos non deberían acudir a este servizo, pasan polo que chamamos “consulta rápida”, algo semellante a un centro de saúde. Non é un servizo propio de hospital, porque se trata de pacientes que deberían acudir aos centros de primaria, pero temos que atendelos tamén. Éstes son os que poden esperar certo tempo para ser atendidos, pero iso é porque hai enfermos máis graves e porque as súas doenzas non requiren dunha atención inmediata. O triaxe está funcionando moi ben e as verdadeiras Urxencias se están atendendo de forma rápida. As cifras confirman que estamos ao nivel dos grandes hospitais galegos ou incluso por riba no que é a atención en Urxencias.
Nenhum comentário:
Postar um comentário