16/03/2007

Publicación páxina web Sergas en relación mesa sectorial do Martes 13


O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE PRESENTOU AOS SINDICATOS DA SANIDADE UNHA NOVA PROPOSTA DE CARREIRA PROFESIONAL DO PERSOAL ESTATUTARIO DE XESTIÓN DE SERVIZOS E SANITARIO DE FORMACIÓN PROFESIONAL


 Sitúa a carreira profesional dos traballadores e traballadoras da sanidade galega na media de remuneración dos servizos de saúde de España
 A oferta económica para a remuneración da carreira profesional do grupo E é un 75 por cento superior á anteriormente presentada; e a proposta para o grupo D mellora a anterior proposta nun 70 por cento
 O Servizo Galego de Saúde informou tamén do estado de tramitación do Decreto polo que se regula a integración voluntaria no réxime estatutario do persoal laboral das fundacións sanitarias

Santiago de Compostela, martes 13 de marzo de 2007.- O Servizo Galego de Saúde presentou esta mañá aos sindicatos sanitarios con representación en Mesa Sectorial unha nova proposta sobre a carreira profesional do persoal estatutario de xestión de servizos e sanitario de formación profesional. As claves desta nova proposta son o incremento da remuneración por grao da carreira profesional, que a sitúa na media de remuneración dos servizos de saúde do Estado; a redución do período temporal mínimo para acceder aos sucesivos graos de carreira; e o mantemento da proposta de valorar os servizos prestados como persoal fixo noutras categorías, aos profesionais que teñan realizado o esforzo por promover a categorías superiores.

Na xuntanza de hoxe convocada polo Servizo Galego de Saúde, abordáronse xunto con este, outros dous asuntos de interese para os traballadores e traballadoras da Sanidade pública galega, o proceso de integración no réxime estatutario do persoal das fundacións sanitarias, e o concurso de traslados voluntario entre os hospitais e centros de saúde da rede asistencial deste organismo.

Un chanzo máis na carreira profesional
A carreira profesional é un sistema de recoñecemento profesional establecido na normativa estatal que regula o réxime de traballo de todos os profesionais da sanidade española. Conforme ao previsto nesta normativa, cada servizo de saúde ten que establecer un sistema polo que se recoñeza aos seus traballadores e traballadoras da sanidade o seu correspondente grao de desenvolvemento profesional en atención á súa experiencia, coñecementos, e mellor adecuación da súa capacidade aos obxectivos da correspondente organización sanitaria. Este recoñecemento articúlase nunha escala de catro graos, dotados cada un deles de remuneración económica.

O persoal facultativo e o persoal de Enfermaría dos hospitais e centros de saúde do Servizo Galego de Saúde xa se benefician deste sistema de recoñecemento profesional dende os anos 2005 e 2006, respectivamente. Conforme á secuencia acordada coas organizacións sindicais, o Servizo Galego de Saúde quere completar a implantación da carreira profesional, no mes de xullo deste ano 2007, incorporando a esta mellora laboral a máis de 10.000 traballadores e traballadoras das categorías sanitarias de formación profesional, así como das de xestión e servizos. Entre os colectivos destacan de auxiliares de enfermería, técnicos especialistas, celadores, e persoal de administración.

Tal como xa se anunciou a semana pasada, na xuntanza de hoxe o Servizo Galego de Saúde presentoulles aos sindicatos unha nova proposta de carreira profesional baseada nas novidades do sector de referencia no sistema nacional de saúde. Con respecto a anterior proposta, destaca o incremento da remuneración por grao de carreira profesional. A Sanidade Pública propón retribuír a carreira dos profesionais galegos con importes que se sitúan na media das contías acordadas nos demais servizos de saúde do Estado.

Os importes por grao propostos son 2.500 euros para o grupo A; 1.750 para o grupo B; 1.000 para o grupo C; 850 para o grupo D, e 700 para o grupo E. A estes importes chégase no ano 2011, momento no que remata o período de implantación, e seguindo a mesma sistemática que a que se acordou coas organizacións sindicais o pasado ano para o persoal de enfermaría.

Xunto con isto, redúcese o período temporal mínimo para acceder aos sucesivos graos de carreira profesional, sinaladamente nos graos máis altos do sistema de carreira. Deste xeito, todos os colectivos de profesionais terán maior facilidade para completar a seu desenvolvemento profesional nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde e se acadará maior retribución en menor prazo de tempo. Nesta redución destaca a proposta para o grupo E, que permitirá que os celadores que neste ano 2007 xa acrediten 27 anos de servizos prestados poidan acceder ao grao catro no ano 2010.

Por último, mantense a proposta de valorar os servizos prestados como persoal fixo noutras categorías aos profesionais que teñan realizado o esforzo por promover a categorías superiores. O sistema proposto pola Sanidade pública galega é dos que mellor valora este esforzo de todo o sistema nacional de saúde.

O Servizo Galego de Saúde quixo resaltar nesta xuntanza o importantísimo esforzo que está a realizar para achegar posicións nesta materia. Nesta liña, a oferta económica para a remuneración da carreira profesional do grupo E é un 75 por cento superior á anteriormente presentada. Do mesmo xeito, a contía proposta para o grupo D mellora a anterior proposta nun 70 por cento. Nestes dous grupos de titulación encádranse o maior número de profesionais afectados.

Ámbalas partes consideraron moi positivo este esforzo, recoñecendo que supón un avance moi importante. Continuarase coa valoración e remitiranse alegacións para continuar a negociación.

Tras este avance na negociación, os representantes da administración instaron aos sindicatos a que desconvocasen as medidas de paro para os días 15, 22, 23 e 29 deste mes de marzo. O Servizo Galego de Saúde estima que este achegamento de posturas nos aspectos fundamentais da proposta de carreira profesional, e froito da vontade de diálogo debería alterar este calendario de mobilizacións, que poden chegar a causar prexuízos asistenciais á poboación e non favorecen que a propia negociación poida culminar con éxito nun breve prazo.

A proposta de bases do acordo sobre réxime extraordinario de carreira profesional presentada á Mesa Sectorial, e o plan de pagamentos resultante da proposta atópanse publicados na web e na intranet do Servizo Galego de Saúde, no apartado de Recursos Humanos/Carreira Profesional.

Integración do persoal das fundacións sanitarias
Por outra banda, a administración sanitaria facilitou nesta xuntanza información acerca do estado de tramitación do proxecto de Decreto polo que se regula a integración voluntaria no réxime estatutario do persoal laboral das fundacións sanitarias e empresas públicas adscritas á Consellería de Sanidade. Esta información fora solicitada polas organizacións sindicais, que concordan na necesidade de transmitir ós máis de 1.200 traballadores e traballadoras destas entidades o maior grao de confianza neste proceso.


Este proxecto regulamentario superou xa todos os trámites e informes internos previos que establece a normativa reguladora do proceso de adopción de disposicións de carácter xeral, polo que, actualmente, se atopa en fase de remisión ao Consello Consultivo de Galicia para que estableza o informe preceptivo previo á formalización definitiva do Acordo polo Consello da Xunta.

Ademais desta información, a administración presentou aos sindicatos un documento de traballo sobre as normas de desenvolvemento do devandito Decreto de integración ao réxime estatutario, coa finalidade de anticipar en todo o posible os labores de análise e negociación que terán lugar con cada un dos comités de empresa destas entidades.

Concurso de traslados
Por último, nesta xuntanza facilitáronse as convocatorias e baremos do procedemento polo cal o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde poderá optar á trasladarse entre os hospitais e centros de saúde galego, por mor do concurso de traslados que afectará a todas as categorías e que se convocará a finais do mes de abril.


Neste proceso, o Servizo Galego de Saúde ofertará todas as prazas vacantes que existen actualmente nas institucións sanitarias deste organismo, polo que os profesionais terán unhas posibilidades de trasladarse entre centros e localidades sen precedentes na historia deste organismo.

No que atinxe ao persoal facultativo dos hospitais, este proceso supón a execución dun dos compromisos contidos no Plan de Estabilidade e fin da precariedade laboral dos facultativos especialistas, asinado o pasado mes de febreiro con unánime respaldo sindical.


Um comentário:

Anônimo disse...

ei ei ei ee!

Os profesionais terán unhas posibilidades de trasladarse entre centros .....sen PRECEDENTES NA HISTORIA deste organismo.

Facendo un sinxelo siloxismo os traballadores das fundacións nen somos profesionais, nen participaremos na historia dese organismo!!!!

Vamos seguir permitindo que se esten a "rir de nos", reflexionemos, ou se non sigamos a dicir que chove cando estan todos a MEXAR POR NOS!!!!