O SERVIZO GALEGO DE SAÚDE ASEGURA QUE O DECRETO DE ESTATUTARIZACIÓN ESTÁ A TRAMITARSE CON TOTAL NORMALIDADE
Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2007.- A oferta de integración voluntaria no réxime estatutario é un compromiso do Goberno galego para esta lexislatura que se está a cumprir nos termos e prazos de tramitación normais para a adopción formal de normas destas características e complexidade.
En concreto, este proxecto normativo foi presentado na Comisión de Secretarios celebrada o pasado 22 de xaneiro, logo de ser debatido e negociado na Mesa Sectorial de Sanidade e de avaliar os informes iniciais preceptivos. Neste intre, estase a realizar o informe de avaliación de impacto de xénero previsto na Lei Galega de Igualdade entre homes e mulleres.
No momento en que se emita este informe, o proxecto será remitido ao Consello da Xunta para a súa aprobación e inmediata remisión ao Consello Consultivo de Galicia, que á súa vez deberá emitir informe preceptivo previo á aprobación definitiva polo Consello da Xunta.
Unha vez aprobado definitivamente este proxecto polo Consello da Xunta, a norma será publicada no Diario Oficial de Galicia e entrará en vigor. Nese intre procederase á negociación formal con cada un dos oito comités de empresa das entidades afectadas e á publicación das correspondentes Ordes polas que se abriran os prazos para que os profesionais poidan optar voluntariamente por integrarse no réxime estatutario se así o desexan.
Todos estes trámites son obrigatorios e forman parte do procedemento vixente en materia de emisión de normas regulamentarias e disposicións de carácter xeral.
Este decreto é unha novidade pioneira no sector sanitario español e converte a Galicia na primeira Comunidade Autónoma que permitirá aos mais de 1.200 traballadores laborais fixos das fundacións públicas pasar a ser persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde. Esta integración suporá unhas importantes melloras para o persoal e para a asistencia sanitaria; e procurará a homoxeneidade necesaria no sistema, que redundará na calidade da asistencia.
O Servizo Galego de Saúde considera necesario aclarar este asunto ante o pronunciamento de diversas organizacións sindicais do eido sanitario galego, no que manifestan a súa preocupación pólo estado de tramitación do decreto de integración voluntaria no réxime estatutario do persoal das fundacións sanitarias e empresas públicas adscritas á Consellería de Sanidade.
O Servizo Galego de Saúde manifesta a súa sorpresa ante as devanditas acusacións de demora, xa que se está a facilitar en todo momento información aos sindicatos de todo o proceso. Debe terse en conta, así mesmo, que as organizacións sindicais veñen participando dende hai moitos anos na elaboración de todos os Decretos sanitarios que afectan a cuestións de persoal, polo que son bos coñecedores da secuencia temporal dos trámites. Ademais, este proceso vén desenvolvéndose dende o seu inicio co apoio unánime dos sindicatos manifestado na Mesa Sectorial, pois deste xeito acadan unha longa e importante demanda sindical.
A xuízo do Servizo Galego de Saúde, estas declaracións deben enmarcarse no contexto previo á celebración de eleccións sindicais no ámbito sanitario, previstas para o vindeiro 18 de abril, nun intento de acadar un mellor posicionamento electoral entre os traballadores destas entidades.
Por último, o Servizo Galego de Saúde reitera que este importante proceso emprende un camiño de retorno á xestión pública dos recursos humanos da Sanidade Pública galega, que supón sumar 1.200 profesionais máis aos 32.000 que xa son empregados públicos da administración sanitaria galega, e que prestan servizos nos hospitais e centros de saúde da rede do Servizo Galego de Saúde.
Nenhum comentário:
Postar um comentário