02/02/2008

Prensa 2/02/08

Diario de Arousa
O Hospital do Salnés traslada a Sanidade o seu interese en que Cardioloxía dependa de Santiago

O Hospital do Salnés está interesado en circunscribirse, alo menos para o servizo de Cardioloxía, á área de referencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, cuxos profesionais se ocupan dende o pasado mes de decembro das consultas nesta especialidade. Esta é unha demanda que manifestaran os responsables do centro de Rubiáns ?que ten como referencia ao CHOP?, en anteriores ocasións apelando a cuestións como a da proximidade, sobre todo no caso das operacións cirúrxicas, posto que as persoas con doenzas cardíacas deben desprazarse a Vigo para as intervencións. A este argumento súmase agora a boa sintonía cos médicos do CHUS.


A dirección do Hospital Comarcal do Salnés trasladou á Consellería de Sanidade o seu interese en que o Servicio de Cardioloxía, que actualmente depende do Complexo Hospitalario de Pontevedra, pase a ter como centro de referencia o Hospital Clínico santiagués. Non é a primeira vez que dende Rubiáns se plantexa esta posibilidade, pero, aos argumentos que se esgrimían anteriormente, súmanse agora os bos resultados das consultas que levan a cabo os especialistas do CHUS e a boa sintonía con estes profesionais.

A falta de persoal no CHOP obrigou a que o complexo suspendera temporalmente as consultas de Cardioloxía no Hospital do Salnés, que o pasado 18 de decembro foron retomadas polos profesionais de Santiago como unha medida para paliar a deficiente atención dos pacientes da comarca arousá, que debían trasladarse ata Vigo para calquera consulta. Aínda que esta é unha solución temporal, a xerencia do centro comarcal móstrase moi satisfeita co resultado, polo que trasladou a Sanidade a posibilidade de que a especialidade de Cardioloxía pasara a depender directamente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Pontevedra > Sen embargo, aínda que a Consellería se mostrara favorable a un cambio neste sentido, a adopción dunha medida desta índole atoparíase coa oposición do CHOP, centro de referencia do Hospital do Salnés e que non estaría disposto a reducir a súa área de influencia e perder peso no sistema sanitario galego.

En calquera caso, dende o Complexo Hospitalario de Pontevedra rexeitan manifestarse sobre esta posibilidade e tampouco se confirma se finalmente asumirán de maneira definitiva as consultas de Cardioloxía no centro vilagarcián. Polo momento, o servizo en Pontevedra aínda non está normalizado xa que, a pesares de que os especialistas pendentes de contratación xa se incorporaron, falta que o faga o xefe do servizo. A praza xa está resolta (dende o 10 de xaneiro) e só depende da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, algo que, apuntan, sucederá de xeito inminente.

Segundo as informacións procedentes do CHOP, será esta persoa a encargada de estructurar o servizo e, polo tanto, quen determine a posibilidade de que os profesionais da súa área retomen as consultas no Hospital do Salnés. Polo momento, deberá normalizar un servizo que ten acumulados importantes retrasos (844 persoas están en espera) por mor da complicada situación na que quedou pola carencia de profesionais.

O convenio cos especialistas santiagueses finaliza o vindeiro mes de marzo

O convenio polo cal son os especialistas do CHUS de Santiago os que consultan aos pacientes de Cardioloxía no Hospital do Salnés ten vixencia ata o vindeiro mes de marzo, data na que, nun principio deixarían de dar servizo no centro comarcal.

Aínda que o acordo adoptado podería renovarse, que isto suceda dependerá da disposición do Complexo Hospitalario de Pontevedra, que, polo momento, aínda non ten normalizada a área de Cardioloxía nin un prazo estipulado para facelo.

Así pois, dende o centro de Ande apuntan que estarían dispostos a seguir contando durante unhas semanas máis cos profesionais de Santiago, aínda que terían que ver en que condicións se retoma o servizo en Pontevedra, mentras que, pola súa banda, os responsables desta especialidade en Compostela se mostrarían, en principio, favorables á posibilidade de continuar no Salnés.



http://www.diariodearousa.com/servlet/ContentServer?pagename=OpenMarket/Xcelerate/Render&inifile=futuretense.ini&c=CSINoticias&cid=1201845606443&t=NoticiaCompleta&edicionnav=1028218396353&arglink=nolink

Nenhum comentário: