25/05/2007

Publicación no DOG nº 100 do 25 de MAIO do Decreto de Integración



O DIARIO OFICIAL DE GALICIA PUBLICA O DECRETO DE INTEGRACIÓN DO PERSOAL DAS FUNDACIÓNS


Este é un chanzo máis no cumprimento do compromiso do Goberno galego de integrar as fundacións no Servizo Galego de Saúde, unha vez feito o saneamento da súa débeda
O Decreto posibilita a circulación e mobilidade dos profesionais entre as institucións do sistema sanitario de Galicia, promovendo o intercambio da bagaxe e a experiencia profesional, o achegamento ao lugar de residencia, ou a conciliación da vida laboral e familiar
Con este Decreto a oferta de emprego público será conxunta para todas as institucións do sistema sanitario de Galicia, en igualdade de condicións de acceso e de bases de procesos de selección de persoal

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2007.- O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, un Decreto da Consellería de Sanidade, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas ao departamento que dirixe María José Rubio Vidal. Este Decreto foi negociado no seo da mesa sectorial do persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde, e sometido ás organizacións sindicais con representación nas institucións do ámbito de aplicación.

O contido e estrutura deste texto consta de 11 artigos, 11 disposicións adicionais, dúas transitorias e dúas derradeiras, nos que se establecen as bases ás que se suxeitarán os procesos que articulen a integración no réxime estatutario do persoal laboral das fundacións sanitarias públicas galegas.

Este é un chanzo máis no cumprimento do compromiso deste Goberno de integrar as fundacións no Servizo Galego de Saúde, unha vez feito o saneamento da súa débeda. Logo da integración do persoal só restará o cambio xurídico das fundacións.

O proceso de integración parte da expresión da vontade do traballador ou traballadora de incorporarse ao réxime estatutario. Ademais, a homologación producirase nas condicións de traballo de réxime estatutario, de forma que os traballadores e traballadoras pasarán a participar dos dereitos e deberes do persoal estatutario en condicións de homoxeneidade.

O Decreto posibilita a circulación e mobilidade dos profesionais entre as institucións do sistema sanitario de Galicia, promovendo o intercambio da bagaxe e a experiencia profesional, o achegamento ao lugar de residencia, ou a conciliación da vida laboral e familiar.

Con este Decreto a oferta de emprego público será conxunta para todas as institucións do sistema sanitario de Galicia, en igualdade de condicións de acceso e de bases de procesos de selección de persoal.

Do mesmo xeito, o Decreto publicado hoxe no Diario Oficial recolle a promoción e acceso á carreira profesional en igualdade de condicións para os traballadores e traballadoras das institucións do sistema sanitario de Galicia que se acollan ao réxime estatutario.

Este Decreto, que supón un camiño de retorno á xestión pública dos recursos humanos da Sanidade pública galega, afecta a máis de 1.200 traballadores laborais fixos das fundacións públicas. Estes traballadores e traballadoras poderán pasar a ser persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, o que supón unhas importantes melloras tanto para o persoal como para a asistencia sanitaria; e procurará a homoxeneidade necesaria no sistema, que redundará na calidade da asistencia.

Agora, procederase á negociación formal con cada un dos comités de empresa das entidades afectadas (Urxencias Sanitarias de Galicia 061; Escola Galega de Administración Sanitaria; Centro de Transfusión de Galicia; Hospital de Verín; Hospital da Barbanza; Hospital Comarcal do Salnés; Hospital Virxe da Xunqueira; Instituto Galego de Oftalmoloxía; e Instituto Galego de Medicina Técnica), e á publicación das correspondentes Ordes polas que se abriran os prazos para que os profesionais poidan optar voluntariamente por integrarse no réxime estatutario, se así o desexan.

Todos estes trámites son obrigatorios e forman parte do procedemento vixente en materia de emisión de normas regulamentarias e disposicións de carácter xeral.

Nenhum comentário: