10/05/2007

Declaracións da Conselleira no parlamento 9/05/07

A CONSELLEIRA DE SANIDADE DI QUE A INTEGRACIÓN DO PERSOAL DAS FUNDACIÓNS SANITARIAS NO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE ?VAI POÑER FIN Á DIVERSIDADE EXISTENTE ATA AGORA NOS CADROS DE PERSOAL.



 María José Rubio Vidal garantiu que a integración realizarase en función da titulación e a categoría de cada profesional, e no caso das categorías que non teñan encaixe, crearanse unha específica
 A Sanidade pública galega prevé publicar no Diario Oficial de Galicia as ordes coas ofertas de integración antes do mes de xullo

Santiago de Compostela, mércores 9 de maio de 2007.- A conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, dixo hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia que a integración do persoal das fundacións sanitarias no Servizo Galego de Saúde ?vai poñer fin á diversidade existente ata agora nos cadros de persoal? da Sanidade pública galega. A Sanidade pública galega prevé publicar no Diario Oficial de Galicia as ordes coas ofertas de integración antes do mes de xullo, unha vez concluída a negociación cos respectivos comités de empresa.

Na súa resposta a unha pregunta oral en pleno, a titular da Sanidade pública galega salientou que 13 anos despois da aparición da primeira das fundacións hospitalarias, a de Verín, ?chegou a hora de emendar os erros do pasado e incorporar á rede pública as fundacións públicas sanitarias?.

María José Rubio Vidal explicou a complexidade do proceso de extinción das fundacións e a integración do seu persoal no Servizo Galego de Saúde, e gabouse de que o proceso de liquidación verase simplificado ?polo feito de terse pactado coas organizacións sindicais o procedemento de integración do persoal?. De feito, o pasado 26 de abril, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o decreto que permitirá a integración do persoal no Servizo Galego de Saúde.

Igualdade de dereitos e deberes co persoal estatutario
A conselleira de Sanidade sinalou, igualmente, que este decreto ?contempla a vixencia das listas para a selección do persoal temporal ata a primeira convocatoria?, e adiantou que ao persoal que non se integre ?respectaráselle o réxime xurídico e retributivo que se derive da súa situación laboral?.

Pola súa banda, os que se integren ?vanse beneficiar, do mesmo réxime de dereitos e deberes do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, en condicións de homoxeneidade?, de modo que terán a oportunidade de acceder á mobilidade no sistema sanitario de Galicia, facilitando o intercambio da súa bagaxe profesional, o achegamento ao lugar de residencia e a conciliación da vida familiar e laboral.
Neste contexto, a conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde, sinalou que está a punto de publicarse no Diario Oficial de Galicia o devandito decreto de integración; paralelamente estase a negociar cos comités de empresa as ordes que regulan as ofertas de integración para o persoal de cada un dos centros, que se prevén publicar antes do mes de xullo no propio Diario Oficial de Galicia.

María José Rubio Vidal concluíu a súa intervención dicindo que coa integración e disolución das fundacións, ?estamos pechando a etapa de réximes xurídicos diferenciados entre o persoal da Sanidade pública galega?; e salientou que esta decisión do Goberno galego ?vai redundar na mellora do persoal e dos servizos sanitarios e polo tanto na calidade e equidade do noso sistema sanitario?.

Nenhum comentário: