08/06/2009

Novo Xerente Hospital Salnés

A conselleira de Sanidade presentou a Bibiano Fernández-Arruti como novo xerente do Hospital Comarcal do Salnés

Fonte da nova: www.sergas.es
Enlace a nova premendo no título da entrada ou eiquí


Pilar Farjas encargou ao novo xerente que traballe na coordinación do hospital coa Atención Primaria e co CHOP

A conselleira de Sanidade e presidenta do Servizo Galego de Saúde, Pilar Farjas Abadía, presidiu hoxe a presentación aos profesionais do Hospital Comarcal do Salnés de Bibiano Fernández-Arruti López como novo xerente deste centro. No acto tamén estiveron presentes, entre outras autoridades, o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, o delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Cores Tourís, os alcaldes dos municipios aos que da asistencia o centro, a xerente do Servizo Galego de Saúde, Rocío Mosquera Álvarez, e o xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra, José Manuel González.

Pilar Farjas Abadía insistiu no compromiso firme por parte da Consellería de Sanidade co Hospital do Salnés e sinalou que o principal reto do seu departamento é que o centro sanitario saia reforzado. Así, instou ao novo xerente a que traballe para reforzar os servizos e as consultas especializadas, para implantar novas consultas de alta resolución e para mellorar a coordinación cos servizos de apoio especializados. Tamén sinalou coma reto a integración e mellora na coordinación cos servizos de urxencia e a asistencia a domicilio, de forma que todo isto redunde nun reforzo da capacidade resolutiva do Hospital do Salnés.

Deste xeito, Farjas Abadía enviou unha mensaxe de tranquilidade logo da polémica artificial sobre o futuro do hospital do Salnés e da área sanitaria. Nesta liña, a titular da sanidade pública galega instou á cidadanía a non dar credibilidade a falsas e interesadas polémicas políticas, animou aos profesionais a implicarse na mellora asistencial que redunde nun aumento da calidade e na adecuación dos tempos de resposta, e no maior prestixio técnico do Hospital do Salnés.

Pilar Farjas instou tamén ao novo xerente e ao seu equipo a traballar na coordinación entre o Hospital e a Atención Primaria, e tamén cos hospitais de referencia. Así, se ben segundo a previsión que deixou o anterior goberno bipartito o Hospital do Salnés estaba integrado na zona de saúde norte da provincia de Pontevedra, a conselleira amosou a súa dispoñibilidade para traballar nun horizonte estrutural organizativo que responsa á mellor garantía da asistencia en coordinación co Complexo Hospitalario de Pontevedra.

Con respecto aos retrasos das obras do Hospital, Pilar Farjas destacou que o seu departamento traballa arreo para acelerar as obras. Tamén aclarou que asume o reto derivado do retraso das mesmas, debido a que a adxudicación por parte do anterior Executivo fíxose a unha empresa que posteriormente se declarou en concurso de acredores. Isto repercutiu no ritmo de execución dos traballos, que deberían ter rematado en novembro de 2008. "Imos traballar para recuperar, o antes posible, o tempo perdido na pasada lexislatura e porei todo o empeño para que a comarca do Salnés conte cos servizos hospitalarios que merece", indicou a conselleira.

Traxectoria profesional
O novo xerente do Hospital do Salnés é licenciado e graduado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa formación inclúe así mesmo os títulos de especialista e Máster en Administración e Xestión Sanitaria e o título de Directivo outorgado pola Escola Galega de Administración Pública.

Ao longo da súa carreira profesional Fernández-Arruti exerceu como médico-inspector da Administración da Seguridade Social do Instituto Nacional da Saúde e posteriormente da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

Ademais ocupou o cargo de director-xerente de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde en Pontevedra. Tamén foi director-xerente do Hospital Nicolás Peña (pertencente ao Servizo Galego de Saúde en Vigo); director de centro do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; e director provincial do Servizo Galego de Saúde da provincia de Pontevedra.

Nenhum comentário: