29/07/2008

Prensa 29/07/08

Diario de Arousa

O Hospital derivou ao redor de 40 pacientes tras un mes de peche da segunda planta


REDACCIÓN > VILAGARCÍA

As previsións das autoridades sanitarias cúmprense e polo momento o Hospital do Salnés só derivou a ao redor de corenta pacientes ao Complexo Hospitalario de Pontevedra tras case un mes de peche da segunda planta.
A empresa adxudicataria das obras de ampliación ten previsto iniciar os traballos de forma efectiva ao longo desta semana. Até o momento, técnicos da compañía e do Sergas ultimaron todos os preparativos e realizaron as medicións correspondentes, á espera de que lles fornecesen todo o material que necesitarán para que as obras non teñan que pararse durante o mes de agosto, cando se cortan as subministracións neste sector.

A previsión é que a instalación dos guindastres realícese a finais desta semana e con elas darase inicio de forma efectiva aos traballos da tan demandada ampliación do centro sanitario de Ande. Estes, na que será a súa primeira fase, comezarán coa construción dunha terceira planta, polo que foi necesario pechar a segunda.

Esta medida necesitou dun plan específico do Hospital do Salnés e do CHOP para poder atender a demanda asistencial da área de referencia do primeiro destes centros. Aínda que as instalacións de Ande tratarán de asumir os ingresos que sexan posibles na primeira planta e a través da unidade de Hospitalización a Domicilio, o resto serán derivados a Pontevedra.

Até o momento, segundo confirman desde ambos os centros, non houbo problemas a este respecto. As previsións de ingresos están a cumprirse, posto que son baixas, como corresponde ao verán, de forma que neste mes de xullo só derivaron ao redor de corenta enfermos ao CHOP, unha cifra que permite que no centro pontevedrés aínda dispoñan de camas libres para hospitalizacións do Salnés.

Nenhum comentário: