17/07/2008

Prensa 17/07/08


Diario de Arousa

Persoal do Hospital non pode pedir traslado ao non ter a resolución de integración no Sergas

REDACCIÓN > VILAGARCÍA


Rafael Martínez-Almeida é presidente do comité de empresa.
O presidente do comité de empresa do Hospital do Salnés, Rafael Martínez Almeida, lamentou o atraso de cinco meses que o Sergas acumula no envío dos certificados de resolución da súa integración no Sergas. A falta deste documento dificulta a solicitude de traslados.

O atraso que a Consellería de Sanidade acumula en emitir os certificados da resolución de integración no Sergas do persoal do Hospital do Salnés está a causar algúns problemas até de conciliación da vida laboral e familiar a máis dun profesional deste centro. O presidente do comité de empresa, Rafael Martínez Almeida, asegura que sen este documento os traballadores teñen moitas dificultades para solicitar un traslado a outro centro e mesmo é difícil acceder, por exemplo, a unha comisión de servizos en caso de necesitala para conciliar o seu traballo co ámbito familiar.
Martínez-Almeida indica que Sanidade está a tomarse demasiado tempo para emitir uns documentos que son persoais para cada profesional e nos que, sinalou, practicamente é pór unha firma. Nestes momentos o atraso cífrase en cinco meses, pero teme que se incremente no caso de que non lles envíen o documento en xullo, posto que entón paralizarase a actividade da administración até o mes de setembro.

A falta das ordes de integración, o presidente do comité de empresa do Hospital do Salnés recorda que foi o 8 de febreiro cando lles cambiaron os códigos correspondentes na tesouraría da Seguridade Social, polo que desde entón aparecen xa como persoal do Sergas, un aspecto que tamén se atopa reflectido nas súas nóminas.

O representante dos traballadores do centro sanitario de Ande confirma que presentaron varias reclamacións ante o Sergas, pero que os responsables da administración sanitaria aínda non lles responderon.

Martínez-Almeida cualifica a situación de ?decepcionante? e pide á Consellería de Sanidade que axilice o proceso para que o persoal poida acceder aos mesmos dereitos que teñen o resto de profesionais do Sergas, como é o caso dos traslados.

As queixas do colectivo de traballadores do Hospital do Salnés inclúen tamén que algúns dos profesionais do centro si conten con este certificado. O presidente do comité de empresa sinala que a Consellería si remitiu a documentación ?a certos traballadores que realizaron a oposición no 2006?. En definitiva, conclúe que ?déronlle aos que interesaba?.

Os profesionais do Hospital darán unha escasa marxe á Consellería de Sanidade para que emita definitivamente estes certificados. Martínez-Almeida indica que ?non nos gustaría mobilizar ao persoal por este motivo?. En todo caso, recorda que se trata dunha documentación moi importante para os profesionais, tanto no que respecta á conciliación da vida laboral e familiar como a ter unha seguridade xurídica.

A chegada deste documento poría fin ao ansiado proceso de integración como persoal do Sergas, un feito que xa se formalizou a principios deste ano.

2 comentários:

Anônimo disse...

a chegada do documento non pondría fin ao ansiado proceso de integración. o fin será cando a plantilla sexa proporcional aos demais hospitais sergas e cando este xerente non amenace con expedientes aos que se manifestan salvo se son os seus amiguiños e o fan polo seu ben.

Anônimo disse...

tampoco podemos acceder a la carrera profesional cuando nuestros compañeros del SERGA DE VERDAD ya piden 2º y 3º grado