04/10/2007

MARÍA JOSÉ RUBIO VIDAL ANIMA AO PERSOAL DO HOSPITAL DO SALNÉS A DIFUNDIR O SEU PROXECTO DE HUMANIZACIÓN DO PARTO A TODOS OS CENTROS DE GALICIA

Vilagarcía, 3 de outubro de 2007.- A conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, felicitou aos a ás profesionais do Hospital Comarcal do Salnés "pola implicación de todo o persoal na posta en marcha da primeira unidade de Galicia para asistir a un parto natural" e engadiu tamén "quero agradecer moi sinceramente á Dirección do Hospital esta aposta, pero moi especialmente ao colectivo de matronas co que contades pois o voso pulo foi fundamental, por iso vos pido que contaxiedes do voso ánimo a o resto de matronas de Galicia e difundades a vosa experiencia a outros centros". Así o asegurou a conselleira de Sanidade na inauguración da I Xornada de Mellora da Saúde Perinatal, que se celebrou hoxe en Vilagarcía.

María José Rubio Vidal volveu a referirse aos profesionais sanitarios cando asegurou que "o cambio na cultura da organización e na maior humanización do parto só depende de vós, o apoio e a colaboración da Consellería de Sanidade xa o tendes". Neste punto, a titular da Sanidade pública galega lembrou que se trata dun apoio que "onte mesmo o presidente da Xunta manifestou no Debate do Estado da Autonomía, cando anunciou a posta en marcha dunha unidade de atención ao parto natural por provincia".

No tocante ao Hospital do Salnés, María José Rubio Vidal asegurou que "co voso esforzo e determinación favorecedes o protagonismo da nai, creades un ambiente ambiente que garante a súa intimidade, e facedes que todo o proceso sexa mais agradable diminuíndo a dor e facilitando que estea acompañada pola persoa que desexe".

A muller decide
Tanto a humanización do parto, ou a asistencia natural ao parto normal, como o fomento e a lactación materna son proxectos que forman parte do Plan de Atención Integral á Saúde da Muller.

Un Plan que ten entre os seus obxectivos "que as mulleres decidan en qué condicións desexan vivir a maternidade", pois segundo María José Rubio Vidal, "o empoderamento ou dereito da muller a participar na toma de decisións é imprescindible e irrenunciable nun dos momentos máis importantes da nosa vida: o período perinatal".

Segundo a presidenta do Servizo Galego de Saúde, os servizos sanitarios fóronse dotando con medios cada vez mais sofisticados para garantir unha axeitada asistencia ao parto, en particular nos casos de risco, pero "tamén a atención ao parto normal, viuse afectada por unha medicalización crecente, unha utilización excesiva das tecnoloxías e a realización de intervencións innecesarias".

A lactación, outro proxecto
O recoñecemento a todo o traballo que se está a realizar dende este centro sanitario do Salnés é unha das razóns polas que, lembrou a conselleira de Sanidade, "o Hospital do Salnés figura como un dos centros piloto na implantación da atención natural ao parto e na lactación materna".

Precisamente, cando estamos a celebrar a Semana Mundial da Lactación Materna, María José Rubio Vidal destacou que o Hospital do Salnés dende o ano 2005 "é o primeiro e único Hospital de Galicia Amigo dos Nenos", un recoñecemento da UNICEF ao traballo de sensibilización dos profesionais sobre a importancia que ten para a saúde dos nosos nenos e nenas, e tamén para as nais, o leite materno".

Na actualidade, outros tres hospitais públicos galegos, en concreto o da Costa en Burela, o Virxe da Xunqueira en Cee, e o da Barbanza en Ribeira, están a traballar para lograr a acreditación como Hospital Amigo dos Nenos.

Nenhum comentário: