Diario de Arousa
O traballador da cafetaría do Hospital reincorpórase tras ser declarado nulo o seu despedimento
REDACCIÓN > VILAGARCÍA
O despedimento de Francisco José Portas foi motivo de diversas concentracións ás portas do Hospital.
Francisco José Portas, o traballador despedido por Aguinchos, a concesionaria da cafetaría do Hospital do Salnés, volveu xa ao seu posto de traballo no centro sanitario despois de obter unha sentenza na que se declara nulo este despedimento. Agora reclamarán que se cumpra o convenio.
O propio traballador anunciou que co delegado de Comisións Obreiras traballará para que a empresa cumpra o establecido neste acordo laboral para o sector e por iso advertiu que lle darán de prazo até mediados de abril para que normalice a situación. No caso de que isto non se produza, xa anuncian que se mobilizarán ante o centro sanitario con concentracións similares ás que se produciron tras o seu despedimento.
Acompañado por Ramón Bo e Fernando Ramos, de CCOO, o empregado, que leva oito anos traballando no Salnés, lembrou que fora despedido por unha queixa dun cliente, aínda que desde esta central sempre defenderon que se trataba dunha ?represalia sindical? no momento no que se ían a producir as eleccións para escoller os delegados nesta empresa. Finalmente, e a pesar dos atrancos denunciados onte polo propio traballador, CCOO logrou ter un delegado nesta empresa.
Ramón Bo destacou a importancia da sentenza que declara nulo este despedimento e indicou que o contido desta resolución xa foi comunicada ao comité do Hospital do Salnés e que en breve pretenden manter unha reunión coa dirección para expresarlle o estado desta situación.
Unha vez solucionado este conflito laboral, agora CCOO indica que traballará para que Aguinchos cumpra o establecido no convenio do sector, xa que denuncia que na actualidade segue cometendo irregularidades como non contar coa representación legal dos traballadores para elaborar o calendario de vacacións e quendas.
Desde CCOO lembran que o caso xa se atopa en Inspección de Traballo, posto que Aguinchos rexistra unha alta rotación de empregados. A empresa conta con 16 traballadores pero, segundo sinalou Portas, por alí pasaron 42 empregados. Neste sentido explicou que no tempo no que el non estivo, seis meses, contabilizáronse seis rotacións.
Fernando Ramos criticou que a dirección do centro e o Sergas permitan que ocorran estas situacións nun servizo que contratan. De forma que esperan que no caso de que Aguinchos non cumpra o convenio nos próximos meses, non se lle renove o contrato no proceso previsto para o segundo semestre do ano. Esta situación, explicaron, non afectaría os traballadores, xa que serían subrogados pola nova concesionaria.
La Voz de Galicia
O xulgado detectou unha «vulneración de dereitos» ao despedir o Hospital do Salnés a un camareiro
Autor:
La Voz
Data de publicación:
24/3/2009
O xulgado do social onde se decidiu que o despedimento de Francisco Portas, o camareiro que traballa para a empresa Aguinchos -concesionaria do servizo de cafetería do Hospital do Salnés- era nulo, fíxoo «por atopar unha vulneración dos dereitos fundamentais do traballador», como asegura Fernando Ramos, de Comisións Obreiras.
Enlace a noticia completa premendo eiquí
Nenhum comentário:
Postar um comentário