Diario de Arousa
A terceira planta do Hospital está case acabada e o martes establecerase a data de entrega
REDACCIÓN > VILAGARCÍA
Esta vez os prazos parecen cumprirse e, se non hai ningún inconveniente, o vindeiro martes responsables do Sergas e de Alcuba, a adxudicataria da construción da terceira planta concretarán a data de entrega das obras. Estas atópanse na súa recta final.
Os operarios, segundo confirmaron onte desde a Dirección Provincial do Sergas, atópanse nestes momentos finalizando os traballos correspondentes á climatización, á subministración de electricidade e á instalación das canalizacións de auga. Trátase dos traballos finais, que van, segundo indicaron desde este departamento, ?a bo ritmo?.
Responsables do Sergas e os técnicos encargados da obra por parte da empresa adxudicataria, Alcuba, teñen previsto reunirse o vindeiro martes. Será un encontro incluído nos contactos periódicos que viñeron mantendo desde o inicio das obras, aínda que se intensificaron despois de coñecerse os problemas económicos da construtora e a decisión da Consellería de Sanidade de garantir o cobro ás empresas subcontratadas.
Na orde do día da reunión que se producirá o vindeiro martes non só está o establecer a data de entrega das obras, senón tamén o equipamento que necesita esta terceira planta do Hospital do Salnés.
Desde a Dirección Provincial do Sergas sinalaron onte como ?un acerto? a decisión de que a adxudicataria das obras, Alcuba, continuase coa construción desta planta despois de coñecerse a súa suspensión de pagos, actualmente situación coñecida como proceso concursal.
Hai que lembrar que os traballos da terceira planta do Hospital estiveron practicamente paralizados a finais do ano pasado, cando os prazos apuntaban xa que a obra tiña que estar acabada. Foi entón cando se coñeceu a situación económica na que se atopaba a construtora.
A Consellería de Sanidade interveu e entre as dúas alternativas posibles decidiu aceptar o compromiso de Alcuba de que finalizaría os traballos, dando un novo prazo para o seu remate: Mediados do mes de abril.
A outra alternativa sería resolver o contrato, o que levaría, segundo indicaban entón desde a Dirección Provincial do Sergas, un longo proceso que atrasaría aínda máis a apertura deste espazo.
A terceira planta é unha das principais necesidades do centro sanitario de Ande debido á falta de espazo para máis camas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário